Monday 13 de May de 2024

Xunta, Goberno Central e FEGAMP colaborarán para paliar os danos do temporal que afectou a Galicia hai dúas semanas


O vicepresidente, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, reuníronse hoxe na Coruña

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alfredo García, reuníronse esta mañá para para abordar os danos ocasionados polo temporal que afectou a Galicia hai dúas semanas.

Na reunión tamén participou a conselleira Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez. Ao remate, o vicepresidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, explicou que o obxectivo da reunión foi “sentarse a falar” e establecer a máxima coordinación e cooperación entre os tren entes: Xunta, Goberno central e Fegamp.

Así mesmo, destacou que se trataron de inundacións e danos moi localizados , no sur de Pontevedra, e que en moitos casos están dentro do previsible e o asumible polos concellos. Por iso, a axuda pública centrarase nos municipios máis pequenos “que por si sos non van poder asumir os gastos” e que tamén se lle pedirá apoio ás deputacións provinciais.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, destacou a necesidade de facer “unha valoración real” dos danos en cada municipio e de actuar de xeito conxunto entre todas as Administracións con competencias na materia.

Nesa mesma liña, expresouse o representante dos concellos galegos, Alfredo García, que dixo que “o máis importante é a colaboración” e avanzou que a Fegamp pedirá aos concellos que no prazo de dez días lles fagan chegar unhas memorias valoradas dos danos.